Concello de Valdoviño e ANPA Beiramar impulsan nas aulas a educación sexual a través do programa “Nenas e nenos”

O proxecto, que arrinca hoxe coas primeiras sesións para o alumnado, conta coa colaboración do CPI Atios e do CRA de Valdoviño

Valdoviño, 21 de xaneiro do 2025. O Concello e a ANPA Beiramar, coa colaboración do CPI Atios e do CRA de Valdoviño, impulsan o programa «Nenas e nenos. Educación Sexual Básica». O proxecto xorde a iniciativa da asociación de nais e pais, e a Concellería de Educación e Servizos Sociais, que comparte os seus principios e obxectivos, convértese entón no seu principal valedor. Ten como principais destinatarias ás alumnas e alumnos dos últimos cursos de Educación Primaria, co ánimo de transmitirlles coñecementos sobre o funcionamento do corpo e os cambios que suceden nas persoas, centrándose na sexualidade. Deste xeito, búscase combater a información distorsionada que, en moitos casos, reciben a través de Internet ou das redes sociais. Ademais, axudaralles a comprender os feitos da diversidade cultivando valores para a convivencia. Nas escolas unitarias, traballarase tamén co alumnado de Educación Infantil, cunha mensaxe adaptada ás idades e a través do xogo.

Esta mañá, o programa arrincaba nas aulas do CPI Atios. No seu conxunto, participarán preto de 150 alumnas e alumnos dos catro centros educativos do municipio, aínda que non serán os únicos. Así, o proxecto ofrece unha proposta integral de intervención que inclúe aos tres piares da comunidade escolar: alumnado, profesorado e familias, con sesións específicas tamén para estas últimas.

Para garantir a calidade da intervención, as actuacións realizaranse por profesionais da Sexoloxía, que proporcionarán coñecementos sobre a sexualidade de nenos e nenas cunha mirada experta e positiva.

As sesións co alumnado e profesorado realizaranse nos meses de xaneiro e febreiro, e as das familias, o mércores 29 de xaneiro de 16:30 a 18:30 h, e o martes 4 de febreiro de 17:30 e as 18:30 h. Neste caso, con inscrición previa a través dos Servizos Sociais Municipais -planta baixa da casa consistorial ou teléfono 981 48 70 41 ext.5- ou da ANPA Beiramar.

Dende o Concello e a asociación de nais e pais incídese na importancia da participación das familias para adquirir ferramentas que lles axuden a facer un mellor acompañamento educativo no crecemento dos seus fillos e fillas, promovendo unha relación positiva co seu corpo e o das demáis persoas e unha vivencia segura e enriquecedera da súa sexualidade.