Concello de Valdoviño, Club BBCA e CPI Atios traballarán conxuntamente para poñer en marcha unha escola de baloncesto no municipio

Xogadores sénior do clube trasladaranse a vindeira semana ao cole para guiar clases de iniciación para nenos e nenas de 6 a 11 anos

Valdoviño, 9 de marzo do 2023. O Concello de Valdoviño, xunto ao Ferrol BBCA -Baloncesto Base Costa Ártabra- e o CPI Atios, plantéase o obxectivo de poñer en marcha unha escola de baloncesto no municipio. E, para iso, levará a cabo durante o mes de marzo unha serie de xornadas de iniciación no centro educativo guiadas por xogadores sénior do clube ferrolterrán. Arrancarán o vindeiro luns 13 de marzo, ata o xoves 16 -incluído-, en horario de 9:30 a 12:00 horas. Nelas participarán inicialmente os alumnos e alumnas de 6 a 11 anos.

Se a actividade esperta o interese esperado, e se logra reunir un número mínimo de nenos e nenas, poñeríase en marcha a escola nas instalacións do colexio, con clases os luns e mércores de 18:00 a 19:00 horas. En todo caso, Concello e clube animan ás familias con fillos e fillas que estivesen interesados en participar nesa futura escola e desexen recibir más información a que envíen dende xa un correo electrónico aos enderezos deportes@concellodevaldovino.com ou cbca@galicia.com