Concello, Costas e Goberno abordan a mellora da accesibilidade á praia de Vilarrube e a ampliación do estacionamento

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, mantivo unha reunión de traballo a pé de areal coa subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, e o xefe de Costas en Galicia, Rafael Eimil

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, mantivo esta mañá en Vilarrube unha xuntanza de traballo co xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Rafael Eimil, e coa subdelegada do Goberno en Galicia, Pilar López-Rioboo. Na mesma tamén tomaron parte o enxeñeiro de Costas Carlos Gil, e os concelleiros de Obras e de Servizos, Benito Vega e Germán Gómez, así como o arquitecto municipal Carlos Abeledo.

A reunión, celebrada a instancias do equipo de goberno, desenvolveuse ao pé da praia de Vilarrube, xa que precisamente o punto central da orde do día foi analizar a mellora da accesibilidade ao areal e a posta en disposición de novas prazas de estacionamento que lle den servizo. Segundo explicou o alcalde, a intención do Concello é habilitar varias zonas de aparcadoiro en diferentes puntos unidas a través de sendas peonís, de tal modo que se poña fin á falla de estacionamento e este non se concentre nun único punto.

Para iso, o Concello quere contar coa implicación de Costas e Goberno central, administracións que mostraron a súa predisposición para avanzar neste proxecto e, no caso de Costas, asumir a súa redacción.