Concello convoca unha liña de subvencións de apoio ás familias e menores para paliar o impacto provocado pola COVID-19
O alcalde, Alberto González, avanzou esta mañá que o Concello vén de activar unha convocatoria de subvencións destinadas a familias e menores para axudar a paliar o impacto económico, social e laboral derivado da crise sanitaria provocada pola COVID-19. O Concello destinará 20.000 euros a este programa e a convocatoria publicábase hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP), abríndose o prazo mañá xoves para presentar as solicitudes no Rexistro Xeral Municipal por espazo de 30 días naturais.
As axudas están destinadas a sufragar material escolar, gastos de transporte escolar e cuotas de inscrición nos cursos de formación do Plan Mellora.
No primeiro caso, poderán beneficiarse aquelas familias empadroadas con nenos/as escolarizados nos niveis de Infantil, Primaria ou Secundaria nalgún dos centros educativos de Valdoviño ou Bacharelato/Formación Profesional nalgún centro público educativo dos concellos limítrofes.
Nas axudas ao transporte escolar, poderán beneficiarse as familias con menores con escolarización en Bacharelato e Formación Profesional de municipios próximos, así como as persoas maiores de idade que cursen estudos nalgunha das Universidades de Galicia.
Por último, poderán acceder á bonificación dos cursos de formación do programa municipal Mellora as persoas físicas maiores de idade que estivesen nunha situación laboral afectada pola COVID-19: cese de actividade autónoma, regularización de emprego (ERTE) ou despido motivado pola mesma situación, entre o 18 de marzo e a finalización do estado de alarma ou contar cun informe socioeconómico do Departamento de Servizos Sociais que motive a súa participación.
Bases da convocatoria neste enlace: Axudas para paliar o impacto socioeconómico da COVID-19 nas familias.