Cita este domingo na Porta do Sol co Feirón
Rapaces e rapazas de 4º da ESO do CPI Atios participarán cun posto de venda co que buscarán recadar fondos para a excursión de fin de curso
Valdoviño, 21 de novembro do 2024. A Porta do Sol acollerá este domingo último de novembro o Feirón mensual do municipio. Organizado pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra co apoio do Concello, terá lugar durante toda a mañá na explanada situada fronte á Casa Joselito. Un espazo no que se ubicarán os postos de venda de moi diferentes sectores, como roupa e calzado ou froita e produtos da horta. E nesta edición, contará cun posto moi especial, que atenderán alumnas e alumnos de 4º curso da ESO do CPI Atios. Como en edicións anteriores, o estudantado buscará na clientela do mercadillo aliados que contribúan á recadación de fondos cos que aliviar o custe da ansiada viaxe de fin de curso.
Así, mozas e mozos venderán diferentes doces caseiros, e tamén, adornos de Nadal, colgantes e pulseiras elaboradas por eles mesmos, e participacións para o sorteo da Lotería de Nadal. Unha ocasión para facer unhas compras, probar sorte e colaborar cos rapaces e rapazas.