A Porta do Sol de Valdoviño acolle este domingo o tradicional feirón mensual
A cita está organizada pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra
Valdoviño, 21 de agosto do 2024.Como cada último domingo de mes, esta semana toca feirón en Valdoviño. A explanada situada fronte á Casa Joselito, na Porta do Sol, volverá converterse o 25 de agosto en escenario de encontro veciñal e máis de compras, grazas ao mercadillo organizado pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra.
A iniciativa, que conta coa colaboración do Concello, disporá dende a primeira hora da de postos de venda dos máis diversos sectores, dende artesanía e moda, ata produto da horta. Un escaparate con ampla variedade para facer as últimas compras do verán.
O feirón de agosto vén a completar unha semana chea de propostas de lecer en Valdoviño, grazas ao programa “Contares culturais nas festas de verán”, converténdose como sempre nun elemento dinamizador máis da actividade hostaleira da zona.