Cita co Feirón de Valdoviño este domingo

Está organizado pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra co apoio do Concello

Valdoviño, 24 de novembro do 2022. Veciños e visitantes de Valdoviño teñen este domingo 27 de novembro unha cita co Feirón Mensual do municipio. A explanada situada fronte á Casa Joselito, na Porta do Sol, volverá a ser escenario deste mercadillo que cada mes organiza a Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra co apoio do Concello. Iso si, nesta edición, contará tamén coa participación de alumnado de 4º da ESO do CPI Atios cun posto de venda para axudar a custear a excursión de fin de curso. Ademais, rapaces e rapazas ofrecerán ao público asistente un concerto de gaita e pandeireta. 

Así, e dende primeira hora da mañá, veciños e visitantes poderán achegarse ata os postos de venda para mercar dende produtos da horta ata calzado e roupa pasando por artesanía. Ademais, é unha boa ocasión para aproveitar a visita e desfrutar dun café ou refresco nalgunha das moitas cafeterías e bares da zona. E, como non, colaborar cos alumnos e alumnas de Valdoviño.