Cine, títeres, música e degustación de chocolate no II Mercado Ecolóxico

A concelleira de Turismo e Cultura, Rosana García, avanzaba a programación de actividades complementarias á venda dos produtos artesáns e de proximidade na feira, que se celebrará o 22 de xuño

Valdoviño, 11 de xuño de 2024. A concelleira de Turismo e Cultura, Rosana García, avanzaba esta mañá a programación da segunda edición do Mercado Ecolóxico de Valdoviño, que se celebrará o vindeiro sábado 22 de xuño na Porta do Sol. Ademais dos postos de venda de produto ecolóxico, de proximidade, de residuo cero e artesán, o público que se achegue entre as 10:00 e as 15:00 horas, poderá desfrutar de diferentes actividades complementarias de lecer. Entre elas:

-11:15 horas: unha sesión de cine ao aire libre coa proxección do filme “Os pousos do café: unha historia de amizade e comercio xusto”

-12:00 horas: un espectáculo de títeres coa compañía Cachirulo, e o seu show “O cachimóbil” -actividade que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística-

-12:45 horas: unha cata de chocolates da man de diferentes marcas de comercio xusto

-13:15 horas: e o concerto estelar de #DosEnPunto, con Carlos Bau e Hugo Torreiro

Así mesmo, ao longo de toda a xornada, haberá un espazo de troco de roupa usada e unha área de xogos infantís. Nas vindeiras xornadas, avanzaranse os postos e os produtos que integrarán este ano unha feira que, como sinalaba Rosana García, busca consolidarse no calendario local.