Cine nocturno en Valdoviño e Vilarrube coas proxeccións de Matria e Los Olchis

Os pases celebraranse ao aire libre este xoves 13 de xullo e venres 21

Valdoviño, 10 de xullo do 2023. Regresa o cine de verán á programación cultural do Concello de Valdoviño. Así, dende o departamento de Cultura avanzan os pases das películas «Matria» en Valdoviño e «Los Olchis» en Vilarrube durante este mes de xullo. Nos dous casos, con entrada libre, e no segundo espazo, co reparto gratuíto de flocos de millo entre o público asistente. 

A primeira sesión celebrarase este xoves, 13 de xullo, no anfiteatro da Casa da Cultura. Arrancará ás 22:30 horas, coa proxección do filme «Matria», dirixido a persoas de 12 anos en adiante. Dirixido por Álvaro Gago Díaz, autor tamén do guion, está protagonizado pola actriz galega María Vázquez. Neste drama avalado por crítica e público, abórdase a historia de Ramona, unha muller de 40 anos cun contexto persoal e laboral precario nun pobo da costa galega. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empuxada a mirar cara dentro e pensar que quizais haxa algo novo polo que vivir. 

Á semana seguinte, venres 21 de xullo, o exterior da escola unitaria de Vilarrube acollerá o pase da película de animación infantil «Los Olchis». Tamén a partir das 22:30 h, está pensada para un público familiar, e chega a Valdoviño co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Narra as aventuras da familia Oggly na búsqueda dun novo fogar, que se convirta no seu lugar no mundo. 

Iso si, as proxeccións no exterior, en caso de choiva, trasladaríanse á Casa da Cultura.