Cine, documentais, teatro, fotografía e a andada cidadá conforman o programa “Somos e Contamos” para conmemorar o 25N en Valdoviño
As actividades deseñadas polas concellerías de Servizos Sociais e Cultura arrincan hoxe co pase de “Matria” para o alumnado do CPI Atios
Valdoviño, 12 de novembro do 2024. Baixo o lema «Somos e Contamos» o Concello de Valdoviño inaugura hoxe, coa proxección do filme «Matria», a programación deseñada para conmemorar o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Un programa de actividades deseñado conxuntamente polas concellerías de Servizos Sociais e de Cultura, e que inclúe cine, teatro, obradoiros, unha exposición fotográfica e a andada reivindicativa cidadá. Ademais, presta especial atención aos mozos e mozas, con accións específicas para o alumnado dos cursos da ESO do CPI Atios.
A eles e a elas vai dirixida esta primeira iniciativa, o pase da cinta «Matria», esta mañá no auditorio da casa da cultura. Un filme incluído á súa vez na rede do ciclo Mestre Mateo. Ademais, e coa colaboración do Concello de Sober, na sala de exposicións do centro cultural poderase visitar ata finais de mes a mostra fotográfica «Inmarcesibles», de María Fernández sobre a beleza real feminina. O horario, de 10 a 14 horas, de luns a venres.
A programación continuará con novas proxeccións de documentais no auditorio. Este domingo ás 18:00 horas, dirixida a todos os públicos, «A viaxe de Lucy», e o venres 22, ás 20:30 horas e para maiores de 12 anos, «Emoción, vida e teatro». Cintas do ciclo Mestre Mateo.
O domingo 24 celebrarase o acto central da programación: a Andada do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, aberta á participación de toda a veciñanza. Partirá da casa da cultura ás 17:00 horas, e á súa chegada ao parque da Frouxeira procederase á lectura do manifesto institucional. Concluirá, como é tradición, cunha actuación musical, a cargo de Lorena Hermida e Jorge Casas.
O mércores 27, e dirixido ás familias, desenvolverase un novo obradoiro do Laboratorio LGBT+ sobre como acompañar á mocidade na diversidade. Con inscrición previa nos Servizos Sociais municipais, arrincará ás 17:00 horas nas instalacións do CPI Atios.
O venres 29 ás 20:30 h, nova proxección, coa aclamada longametraxe galega «O corno», para un público maior de 12 anos e entrada de balde ata completar aforo. E pechando a programación, o 17 de decembro, o espectáculo teatral unipersoal «Golpes», con Estíbaliz Veiga. Chega ao noso municipio baixo o patrocinio da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero aos Concellos da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, e ofrecerase ao alumnado dos cursos de 3º e 4º da ESO.