Charla sobre as baterías de costa da provincia da Coruña, este xoves na Casa da Cultura

José Manuel López Hermida e José Manuel Yáñez, coautores da guía editada pola Deputación, serán os ponentes nun acto que principiará ás 20:00 horas con entrada libre

Valdoviño, 6 de setembro do 2022. José Manuel López Hermida, antigo comandante artilleiro e estudoso da historia militar, e José Manuel Yáñez, que durante décadas foi xefe do Servizo de Arquitectura da Deputación, ofrecerán este xoves en Valdoviño unha charla sobre as baterías de costa da provincia da Coruña. Coautores da guía recentemente editada pola institución provincial, repasarán na súa charla o sistema defensivo do litoral do norte da nosa provincia. Será a partir das 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde. 

Ata ese momento, as persoas interesadas no patrimonio histórico e militar teñen a oportunidade de visitar a exposición temporal «Baterías de costa. Provincia da Coruña (Norte)», que acolle a Casa da Cultura ata o vindeiro 13 de setembro en horario de 10:00 a 14:00 horas. 

A exposición amosa a evolución das defensas do territorio costeiro e das súas poboacións, dende as máis primitivas (vixías, murallas, castelos, baterías de costa…) ata as máis innovadoras, das primeiras décadas do século XX. É o caso das baterías de Campelo, que teñen a súa orixe no “Plan de Artillado del Frente Marítimo de las Bases Navales de Ferrol-Coruña, Cartagena y Mahón” (1926). 

Un total de 20 paneis recollen a situación, descrición e funcionalidades destas infraestruturas estratéxicas, historicamente indispensables para a protección das prazas de Ferrol, da Coruña e do territorio marítimo do Golfo Ártabro. E analizan ademais a evolución da tecnoloxía militar.