Charla informativa este mércores sobre as axudas provinciais dirixidas ao movemento asociativo e profesionais do municipio

Sen inscrición previa, a cita terá lugar ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal

Valdoviño, 10 de novembro do 2025. Dirixida ás entidades e asociacións do ámbito veciñal, cultural, deportivo, social e educativo, así como pemes e profesionais autónomos, o Concello de Valdoviño organizará este mércores 12 de novembro unha charla informativa sobre as diferentes liñas de axudas que promove a Deputación provincial da Coruña. A concelleira de Cultura e deputada provincial, Rosana García, explicaba esta mañá que a iniciativa busca ofrecer toda a información sobre as opcións de subvención, requisitos e tramitación para, coa previsión suficiente, facilitar o acceso ás convocatorias. Así, invitaba ao movemento asociativo e profesionais a achegarse ata a Biblioteca Municipal este mércores a partir das 20:00 horas. Non se precisa inscrición previa.

Na charla, abordaranse as axudas para entidades sen ánimo de lucro do ámbito veciñal e rural dirixidas a investimentos -obras de reforma ou mellora de inmobles, actuacións de eficiencia enerxética ou adquisición de equipamentos tecnolóxicos- e actividades culturais. Tamén as subvencións a clubs deportivos para a celebración de eventos ou financiamento de infraestruturas e equipamento, ou a realización de actividades e investimentos por parte de agrupacións de mariscadoras e mariscadores, e as axudas PEL pemes e PEL autónomos, entre outras liñas.