Charla formativa para familias coidadoras de persoas con alzhéimer e outras demencias este venres
Impartida por Afal Ferrolterra, terá lugar no Centro Sociocomunitario a partir das cinco da tarde, e é preciso anotarse en Servizos Sociais
O Centro Sociocomunitario de Valdoviño albergará este venre ás cinco da tarde unha charla formativa dirixida ás familias coidadoras de persoas con alzhéimer ou outro tipo de demencia. Será baixo o título «A estimulación cognitiva como terapia fronte ao deterioro cognitivo». Afal Ferrolterra, asociación que guía cada semana no noso municipio os talleres dirixidos a persoas afectadas, será a encargada de impartila, e para asistir é preciso anotarse previamente nos Servizos Sociais (planta baixa da casa consistorial ou teléfono 981 48 70 41 extensión 5).
Entre outros contidos, abordaranse as principais características e síntomas da enfermidade de alzhéimer e outras demencias, así como o modo de afrontar dita patoloxía. Tamén se informará sobre as diferentes terapias baseadas na estimulación cognitiva que axudan a retrasar a evolución da enfermidade e melloran a calidade de vida das persoas afectadas.
Así mesmo, explicarase en que consisten os talleres de estimulación que están dispoñibles en Valdoviño para persoas con deterioro cognitivo. Dirixidos a veciños e veciñas afectados de alzhéimer e outras demencias en fase inicial ou moderada, contemplan diferentes terapias para activar, estimular e adestrar as distintas capacidades e funcións cognitivas das persoas enfermas (percepción, atención, razonamento, memoria, linguaxe, orientación e praxias). Unha iniciativa para mellorar a súa calidade de vida e ofrecer un pequeno respiro ás persoas coidadoras.