Cedeira, Valdoviño e Cariño se unen para fomentar o emprendemento no sector mariño
O proxecto EMPRENDE PESCA, enmarcado nas axudas do GALP A Mariña-Ortegal, crea a súa imaxe gráfica e actívase nas redes sociais, para visibilizar as potencialidades destes territorios
Valdoviño, 27 de outubro de 2021. O “PROGRAMA DE VALORIZACIÓN DA PESCA SUSTENTABLE, E PARA IMPULSO DO EMPRENDEMENTO, PRIORITARIAMENTE NA TRANSFORMACIÓN, NO SECTOR PESQUEIRO NOS CONCELLOS DE CARIÑO, CEDEIRA E VALDOVIÑO. EMPRENDEPESCA” (2021-2022) é unha iniciativa conxunta entre os Concellos de Cariño, Cedeira e Valdoviño, financiada co Fondo Europeo e Marítimo da Pesca (FEMP), aprobado na primeira fase de axudas dos Grupos de Acción Local Participativo, de 2021.
O programa conta coa colaboración de cinco entidades clave nestes territorios, como son as Confrarías de Pescadores de Cedeira e de Cariño, a Asociación de Mariscadoras e Mariscadores de Cariño, as Asociacións de Percebeiros de Cariño e de Meirás.
EMPRENDEPESCA proponse, entre os seus obxectivos específicos, promocionar o carácter sustentable dos modos de extracción da pesca e do marisqueo nestes territorios; fomentar o coñecemento de especies con menor incidencia na comercialización e consumo nos establecementos e fogares e impulsar o emprendemento e especialmente a transformación nun territorio moi centrado na comercialización do produto fresco.
Os Concellos arrancan a súa actividade, planificando as súas actuacións, definindo un cadro de mando coas tarefas calendarizadas ate 2022 e acordando as accións comunicativas para todo o seu período de execución. Neste sentido, defínese unha estratexia de comunicación conxunta, con diferentes fitos comunicativos, a través dos medios de comunicación e redes sociais.
Así, neste momento, preséntase a imaxe gráfica do proxecto e o seu lema, ademais do perfil de Facebook e de Instagram, como recursos que axudarán a identificar as actuacións do proxecto nestas localidades e lograr un maior impacto na visibilización dos obxectivos de EMPRENDE PESCA.
Para a elaboración da imaxe e do lema, realizouse un diagnóstico previo do territorio, co gallo de identificar os aspectos comúns no sector da pesca, o marisqueo e o emprendemento, poñendo o foco na diversificación e na transformación. Nesta análise detállase a oferta turística básica nestes tres municipios, en canto ao volume de prazas de aloxamento e número de establecementos de restauración, actividades de turismo activo e deportivo, a oferta museística e de centros de interpretación do sector mariño, rutas de sendeirismo e BTT. E por outro lado, os puntos fortes e febles a ter presentes na realidade territorial e no desenvolvemento socioeconómico destas zonas relativos a un amplo número de recursos patrimoniais, materiais e inmateriais (cultura, natureza, gastronomía, etnografía e artesanía), como son:
- A costa e os seus elementos naturais (cantís, praias, calas, dunas, esteiros) e os espazos naturais protexidos e diversidade de hábitats.
- A mestura da natureza salvaxe con modernas construcións civís, relixiosas e militares: faros, igrexas e ermidas, baterías e túneles.
- O traballo das xentes do mar: os pescadores, mariscadoras, percebeiros e redeiras e as construcións que facilitan a vida no mar e no litoral, que forman parte da paisaxe destas zonas: faros, casetas de pescadores.
- Patrimonio inmaterial: Camiño a San André en Cedeira e as súas rutas alternativas a través de Cariño (Camiño dos Cantís) e Valdoviño (Camiño Vello).
- A circunstancia de que os tres concellos encádranse dentro do ámbito xeográfico do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, coa súa riqueza xeolóxica e singularidade.
Deste modo, recóllense os valores de sustentabilidade, innovación e transformación na imaxe creada e no “claim” ou lema.
O resto das accións de EMPRENDE PESCA que se executarán no territorio e comunicarán a través destas novas canles creadas nas redes sociais e mediante as vías de comunicación xa establecidas por cada concello son:
- Os soportes promocionais materiais (rollups, manteis, cartelería, expositores e folletos, guías de receitas) que servirán para identificar tanto ás peixerías que venden as especies de baixura e marisco da zona, como aos establecementos de restauración onde é posible degustar pratos ou tapas con estes ingredientes principais.
- A creación da páxina web explicativa do cometido do proxecto, que incorpore todos os produtos creados no proxecto no seu propósito de valorizar a pesca sustentable.
- A xeración dun banco de fotografías, vídeos e vídeo-infografías, con imaxes de especies, pratos e establecementos participantes, breve vídeos nas redes sociais nos que se dea testemuña tanto da pesca sostible como das oportunidades de emprendemento no sector. Ademais, realizaranse tres pezas audiovisuais animadas explicativas, co obxectivo de promover a sensibilización e difusión da información do proxecto entre o público xeral e perfís de persoas emprendedoras.
- A celebración do mes “Pesca de Costa” ou campaña de valorización da pesca sostible, dos seus oficios e produtos, coa elaboración dunha guía de receita e a organización do programa de exaltación de produtos nos establecementos de restauración dos tres concellos para promover aqueles pratos con especies de pesca de baixura seleccionadas.
- A realización de xornadas de sensibilización sobre o emprendemento e a transformación, visitas a visitas a empresas e iniciativas que constitúan un exemplo de boas prácticas e obradoiros de asesoramento, con titorías a persoas emprendedoras e empresas que desexen innovar ou diversificar a súa liña de negocio.