Catorce mulleres inician en Valdoviño o itinerario formativo de Agricultura Ecolóxica do Programa Integrado de Emprego
O local social de Sequeiro volve converterse en sede das accións formativas do proxecto de inserción laboral que promove a Mancomunidade
Valdoviño, 22 de abril do 2025. Catorce mulleres iniciaban esta mañá en Sequeiro o itinerario formativo de Agricultura Ecolóxica do Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade. O alcalde, Alberto González, acompañado da concelleira de Servizos Sociais, Rosana García; do edil de Servizos, Benito Vega, e da técnica de Emprego da Mancomunidade, Margarida Leirachá, daba a benvida ás participantes que, ao longo das próximas semanas, recibirán unha formación eminentemente práctica coa que mellorar as súas posibilidades de inserción laboral.
O local social da parroquia, antiga unitaria da Carreira, volve converterse en sede do programa, despois de que o Concello tramitase o pasado ano a súa homologación como centro de formación. Ademais, nesta nova edición do Programa Integrado de Emprego, a Mancomunidade renova a súa aposta polas instalacións para desenvolver o itinerario, aproveitando a súa ampla zona verde exterior, especialmente adecuada para a plantación. A acción formativa consta de preto de 100 horas, con 5 especialidades: agricultura ecolóxica, fertilización en agricultura ecolóxica, defensa contra pragas e enfermidades en agricultura ecolóxica, explotacións agrarias na agricultura ecolóxica e semente de pebideiros.
Ademais, as alumnas terán a posibilidade de realizar saídas explotacións agrarias da contorna ou ao Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, do que participa Valdoviño.