Caramuxo Teatro trae este domingo ao parque da Frouxeira o seu “Pavillón Lino”

Retirada de invitacións na Casa da Cultura de 10 a 14 horas

O Concello de Valdoviño inaugura a programación cultural do mes de xullo no parque da Frouxeira con Caramuxo Teatro e o seu espectáculo «Pavillón Lino». Será este domingo 4 de xullo a partir das 19,30 horas. Trátase dunha proposta escénica para toda a familia. Un espectáculo que nace para homenaxear o desaparecido Pavillón Lino da Coruña, espazo cultural de estética modernista adicado a todo tipo de actividades artísticas, teatro, cine, baile, monicreques, cómicos, autómatas…

Unha trepidante comedia de variedades con Laura Sarasola, Juan Rodríguez e Xosé Vilarelle, pola que desfilarán unha morea de pintorescos personaxes: os auténticos autómatas; os monicreques de cachiporra; Monquina “A gorila bailarina” e como non, Charito de Mera e a súa pulga. Un espectáculo cunha coidada posta en escena para gozar en familia.

As persoas interesadas en tomar parte nesta nova proposta cultural do Concello de Valdoviño poden retirar a súa invitación na Casa da Cultura en horario de 10 a 14 horas ata o venres -ou ata esgotar prazas-.

Chega a Valdoviño co apoio da Deputación a través da Rede Cultural