Caramuxo Teatro trae este domingo a Pantín o seu “Pavillón Lino”

As persoas interesadas en desfrutar da obra poden retirar as súas entradas na Casa da Cultura en horario de 10 a 14 h

As inmediacións da praia de Pantín albergarán este domingo 8 de agosto o espectáculo «Pavillón Lino», de Caramuxo Teatro. Será a partir das 19,30 horas e trátase dunha proposta escénica para toda a familia. Un espectáculo que nace para homenaxear o desaparecido Pavillón Lino da Coruña, espazo cultural de estética modernista adicado a todo tipo de actividades artísticas, teatro, cine, baile, monicreques, cómicos, autómatas…

Unha trepidante comedia de variedades con Laura Sarasola, Juan Rodríguez e  Xosé Vilarelle, pola que desfilarán unha morea de pintorescos personaxes: os  auténticos autómatas; os monicreques de cachiporra; Monquina “A gorila  bailarina” e como non, Charito de Mera e a súa pulga. Un espectáculo cunha  coidada posta en escena para gozar en familia.

As persoas interesadas en tomar parte nesta nova proposta cultural do Concello de Valdoviño poden retirar a súa invitación na Casa da Cultura en horario de 10 a 14 horas ata o venres -ou ata esgotar prazas-. Chega a Valdoviño co apoio da Deputación a través da Rede Cultural.