“Camiño a Teixido”, promoción do itinerario de Santo André en Valdoviño

A iniciativa obtivo financiamento dos fondos FEMP a través das axudas do GALP A Mariña-Ortegal

Valdoviño, 3 de decembro de 2021. O Concello pon en marcha o proxecto «Xeración de contidos turísticos e de sinalización para o trazado no Concello de Valdoviño do Camiño Vello a Santo André de Teixido. Camiño a Teixido». Un proxecto co que busca poñer en valor o patrimonio natural, arquitectónico e inmaterial vinculado á ruta de Santo André de Teixido ao seu paso polo municipio, consolidando o recoñecemento deste itinerario como sinal de identidade.

«Camiño a Teixido» entronca na liña de actuación denominada “posta en valor dunha estratexia turística diversa e de calidade”, concretamente na medida de “creación ou posta en valor de rutas de sendeirismo e roteiros que teñan en conta os elementos ambientais e patrimoniais; así como a promoción de itinerarios interpretativos”, da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do GALP A Mariña Ortegal, obtendo financiamento por este motivo, a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

O Camiño Vello a Santo André de Teixido parte do Mosteiro de San Martiño de Xuvia, ou popularmente coñecido como Mosteiro do Couto, en Narón, atravesando o municipio de Valdoviño para finalizar en Teixido, en Cedeira.

No termo municipal de Valdoviño é preciso reforzar a sinaléctica, para facilitar a comprensión deste itinerario, evitando desvíos ou confusións. Ademais, a panelización informativa do camiño atópase degradada polo inevitable paso do tempo e a exposición permanente á meteorolóxica.

Prevese a xeración de novos contidos en galego, castelán e inglés, información técnica do percorrido, e gravación de audioguías nos tres idiomas dos contidos xerados.  Aproveitarase a estrutura de paneis actuais localizados nos seguintes puntos: Ermida de Liñeiro (Capela da Fame), Igrexa de Loira e Porto do Cabo. E instalaranse novos monolitos acordes coa sinalización xa executada en todo o percorrido deste Camiño Vello a Santo André de Teixido.

Na promoción da ruta farase especial fincapé nos atributos icónicos da paisaxe e da fisionomía do municipio, a toponimia e o saber popular ligado á memoria mariñeira, buscando complicidades coa veciñanza á hora de rememorar lendas, anécdotas e achegar datos históricos ou do propio peso do sector marisqueiro, na identidade de Valdoviño.

O proxecto ten un custe total que ascende a 16.111,15 euros. Durante este mes de decembro de 2021 comezarán os traballos de investigación e traballo de campo, para a creación do novos vinilados, outorgándolle unha mellora de autoestima a un territorio moi singular e con gran potencial de visitas, abrindo o perfil de usuarios a estudosos da historia local, un público familiar, escolares, deportistas, BTT, etc.