Brais das Hortas ofrecerá o vindeiro luns en Valdoviño o seu Consertasso da Horta
A cita, a partir das 18 horas no auditorio da Casa da Cultura
Valdoviño, 22 de decembro de 2021. A programación cultural de Nadal do Concello de Valdoviño ofrecerá o vindeiro luns 27 de decembro o Consertasso da Horta, a cargo de Brais das Hortas. A cita, dirixida a un público familiar, dará comezo ás 18 horas no auditorio da Casa da Cultura. A entrada é libre, ata completar aforo.
O novo espectáculo de Brais das Hortas acrecenta a súa versatilidade como músico e como artista. Unha mestura tan fértil como a terra da que brota este consertasso, e cun equilibrio variado de formas e estilos.
Un universo único no que a Santa Compaña aparece entre as patacas cantando un trap. Hai unha pulga punk da praia de Liméns. As cabras tiran para o monte e os caracois reivindican o seu ritmo: o reggae. Entre as cenorias, os lagartos toman o sol ao son dun tumbao, e os kiwis non paran de brotar bailando ska. Tamén haberá sitio para os soños. En definitiva, música e humor para toda a familia.