Blues do país e o Sindicato da verbena, en concerto este venres no campo da festa de San Bartolo
Xa se poden retirar as entradas para o espectáculo na Casa da Cultura en horario de 10 a 14 h
O Concello de Valdoviño programa este venres, no marco da súa oferta cultural do verán, unha nova cita musical. Desta volta, o blues e o soul, cun marcado acento galego, serán protagonistas, grazas a Blues do País e o Sindicato da verbena. Un espectáculo de música ao vivo e clown para a que dende hoxe se poden retirar as invitacións na Casa da Cultura.
O dúo formado por Iseldo Agilda e Brais das Hortas (Blues do país) chegará o día 20 de agosto, a partir das 21 horas, ao campo da festa de San Bartolo, acompañado polo Sindicato da verbena, que integran Manu Alonso no baixo, Martiño Mato no saxo e Gustavo Agassi nas percusións, coa súas versións de clásicos do blues e do soul, adaptados “á idiosincrasia e a retranca galegas”.
A banda, que fusiona nos seus directos música de calidade, teatro e improvisación, sorprenderá coas súas reinterpretacións de temas célebres como o “Sitting on the dock of the bay”, de Otis Redding, que transforman en “Sentadiña no pantalán”
As persoas que queiran asistir ao espectáculo, incluído na Rede Cultural da Deputación da Coruña, xa poden retirar as invitacións na Casa da Cultura -ata o venres ou completar aforo- en horario de 10 a 14 h (agás o martes 17, festivo local).