Beach Club Surf&Coffee premiará a implicación na xornada de limpeza que organiza este sábado na praia de Pantín

A iniciativa, que desenvolve en colaboración co Concello de Valdoviño, está aberta á participación de nenos/as, mozos/as e persoas adultas

Valdoviño, 11 de outubro do 2022. Contribuír á concienciación sobre a necesidade de coidar e protexer a nosa contorna natural é o obxectivo da acción medio ambiental que este sábado levará a cabo a escola Beach Club Surf&Coffee en colaboración co Concello de Valdoviño. Unha xornada de limpeza na praia de Pantín que terá recompensa para os nenos e nenas, mozos e mozas e persoas adultas que decidan dar un paso adiante e implicarse na acción. Sen inscrición previa, o punto de quedada é o local de hostalería Las Olas By Pantín. Alí, a escola, coa colaboración de Coge3, dará unha breve charla formativa sobre a importancia medio ambiental da contorna e entregará as bolsas para a recollida, que se prolongará por espazo de dúas horas. 

Rematada, as persoas participantes poderán participar cos seus respectivos boletos no sorteo de diverso material para a práctica de surf e dunha comida ou cea en Las Olas By Pantín, doado por unha morea de firmas e entidades colaboradoras. É o caso do Pantín Classic, que cede 5 lycras utilizadas no pasado campionato do mundo; Orixen Activo, con 10 camisetas da marca; Up Surfboards e Zeus, con sendas táboas; Feather Fins con dous xogos de quillas, e Nomad Surf Camps cun poncho infantil. 

Así mesmo, os residuos retirados clasificaranse coa axuda de Coge3, e o Concello encargarase da súa xestión posterior. 

A iniciativa forma parte do programa de promoción do deporte e concienciación medio ambiental presentado ao Concello pola escola no marco do proceso de concesión de autorizacións nas praias do municipio.