Bar El Paseo e Autos Pasuco disputarán este venres a final do Torneo de Fútbol Sala OcioSol
O pavillón municipal acollerá ás 20 h o encontro polo 3º e 4º posto entre Minuetto/Radiocar e Meraki, e ás 21 h, celebrarase a gran final
Valdoviño, 4 de setembro do 2025. Bar El Paseo e Autos Pasuco disputarán este venres a gran final do Torneo de Fútbol Sala OcioSol 2025. Será no pavillón municipal O Longoiro, en Meirás, nun emocionante encontro que o público poderá seguir a partir das 21:00 h. Unha hora antes, ás 20 h, Meraki e Minuetto/Radiocar saltarán ao terreo de xogo para loitar pola terceira praza.
El Paseo chega á gran final tras superar na fase previa ao Minuetto, vencedor da anterior edición do torneo, por un axustadísimo 3-4, namentras que Autos Pasuco impoñíase a Meraki por 3 tantos a 1, conseguindo así o pase á final.
Tras os encontros, o Concello procederá á entrega de trofeos, na que tamén se recoñecerá ao equipo local mellor clasificado e ao xogador máis veterán da competición.
