Baobab Teatro representará este domingo na casa da cultura de Valdoviño “Ás para Álex”

Dirixida a un público familiar, a compañía presenta unha peza comprometida e cargada de verdade sobre o cancro infantil

Valdoviño, 18 de febreiro do 2025. Baobab Teatro representará este domingo en Valdoviño «Ás para Álex», unha peza teatral comprometida, divertida e cargada de verdade, tenrura e moita graza, tocando unha temática moi delicada: o cancro infantil e a necesidade dun sentimento de esperanza como unha menciña máis para superar esta enfermidade e o importante que é atopar persoas no camiño que nos conviden a soñar. Está dirixida a un público familiar, nenos e nenas a partir de 5 anos, e dará comezo ás 18:00 horas no auditorio da casa da cultura. A entrada é de balde ata completar aforo.

Baobab recurre nesta peza a diferentes técnicas: teatro de actriz/actor, de obxectos, teatro de monicreques, monicreques xigantes e proxección audiovisual. A obra parte dunha historia real sucedida na Coruña, e para desenvolver o proxecto a compañía levou a cabo unha investigación a fondo na que contaron coa complicidade dunha morea de profesionais que cada día están en contacto con pacientes ou inmersos na investigación, psicólogas, mestras de hospital, educadoras sociais, médicas… e especialmente, con asociacións que traballan día a día con esta realidade, como ASANOG -Asociación de Axuda a Nenos/as Oncolóxicos de Galicia-.

“Ás para Álex” non só é un espectáculo, é un compromiso de Baobab Teatro con esta temática e por iso unha porcentaxe dos ingresos da obra están destinados a diferentes asociacións que traballan a favor da investigación contra o cancro.