Baloncesto, tenis, fútbol-sala, atletismo, multideporte e ximnasia conforman a oferta de actividades municipais OcioSol para este verán

O Concello de Valdoviño informa da apertura do prazo de inscrición no programa municipal, que se desenvolverá na pista deportiva da Frouxeira

O Concello de Valdoviño avanzou esta mañá a programación de actividades deportivas de OcioSol 2021 e informou da apertura do prazo de inscrición. Así, a oferta inclúe ximnasia de mantenemento, baloncesto, tenis, fútbol-sala, atletismo e multideporte. Todas elas desenvolveranse ao aire libre, na contorna privilexiada da Frouxeira, e máis concretamente, na pista deportiva situada en pleno paseo. A estas actividades sumarase tamén natación en diferentes modalidades na piscina municipal de Lago. 

A inscrición está aberta ata o 29 de xuño (incluído) e pode formalizarse cubrindo o formulario no seguinte enderezo electrónico: https://forms.gle/dbDNetw1pWhpB5U36 ou chamando ao departamento municipal de Deportes ao 626 46 55 31 -no caso de non dispor de Internet ou dos coñecementos para acceder a esta vía-. Así mesmo, informarase nos próximos días do prazo para anotarse nas actividades da piscina.

As cotas establecidas para participar son de 7,37 euros/mes para menores de idade e de 8,86 euros/mes para maiores de idade, agás ximnasia de mantenemento, só para persoas adultas, e cunha cota de 12,54 euros/mes. 

No caso de que se cubran as prazas das actividades, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzou que se estudará a posibilidade de aumentar a oferta das mesmas. Pola contra, en caso de non acadar un número mínimo de participación, a actividade cancelarase. O edil incidiu en que un ano máis a programación estará marcada polos protocolos de prevención fronte á covid-19, con grupos reducidos, limpeza dos espazos e as medidas hixiénico sanitarias establecidas polas autoridades competentes.