Axudas autónomos e microempresas afectadas pola covid-19

Os beneficiarios poden xustificar a partir de hoxe as achegas

O Concello de Valdoviño informa da concesión definitiva das axudas a autónomos e microempresas do municipio afectados pola crise da covid-19. O procedemento administrativo entra así nunha nova fase despois de que a listaxe provisional de beneficiarios se sometese a exposición pública e non se rexistrasen alegacións. Na práctica, as persoas beneficiarias, un total de 43, deberán agora xustificar as achegas presentando telematicamente a documentación que acredita o cumprimento dos requisitos. Posteriormente, o Concello abonará as axudas, que oscilan entre os 1.500 e os 3.000 euros, e que suman 84.500 euros, dos que o 80% son aportados pola Deputación e o 20% restante, polo Concello.