Aviño inaugura oficialmente o seu local social tras a reforma integral do edificio
O alcalde, Alberto González, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asistían ao acto celebrado esta tardiña coa presenza de numerosos veciños e veciñas do lugar
Valdoviño, 31 de maio do 2025. O local social de Aviño quedaba hoxe oficialmente inaugurado tralas obras de rehabilitación integral do inmoble. Numerosos veciños e veciñas acudían ao acto organizado conxuntamente entre Concello e entidade veciñal. Asistía o alcalde, Alberto González, e xunto a el, Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, a institución que fixo posible a transformación financiando o proxecto presentado pola Administración local. Tamén a deputada provincial Rosana García, e os concelleiros de Infraestruturas Viarias, Germán Gómez; Obras, Alejandro García, e Deportes, Sergio Saavedra.
As obras levábanse a cabo durante a pasada lexislatura, pero a covid-19 impediu no seu día o acto formal de inauguración, e pouco a pouco a veciñanza foi facendo seu o edificio, enchéndoo de actividades. O pasado mes de decembro, tomaba posesión a nova directiva veciñal; hai unhas semanas, trasladáballe ao rexedor a petición de realizar o acto, e dito e feito.
O edificio, de 1930, conta cunha superficie útil de 135 m2 e noutrora albergou a escola unitaria. Aínda que foi susceptible dunha reforma nos anos 80, trinta anos despois o deterioro sufrido polo paso do tempo facía necesaria a intervención realizada, financiada con cargo ao POS+ da Deputación. Así, e xunto a outra actuación de mellora de infraestruturas municipais en Loira, o orzamento ascendeu a 51.000 euros máis IVE.
Os traballos contemplaron a reforma integral do inmoble e incluíron a substitución das xanelas por outras de aluminio con doble vidro e aillamento térmico, reparación da cuberta, dotación de revestimento antideslizante nos peldaños da escaleira, colocación de novo chan de gres e falsos teitos, construción de novos aseos na planta baixa (un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida) e outro aseo na primeira planta, dotación de sistema de climatización e mellora da instalación eléctrica e de fontanería. Todo isto completouse cunha actuación nas paredes exteriores, descubrindo a pedra. Ademais, recuperouse unha escultura realizada por Pepe Rodríguez, o Ferreiro, que hoxe loce na fachada e é imaxe da entidade veciñal.
Ademais, a intervención daba continuidade a outros proxectos materializados na contorna polo Concello, como a construción dun novo parque infantil e outro biosaudable na parcela contigua ao local social.
