Autoridade Portuaria e Concello traballarán no proxecto para crear unha senda peonil ao Faro de Punta Frouxeira e un aparcadoiro disuasorio
O presidente da AP, Indalecio Seijo, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, abordaron esta mañá as intervencións ao pé do faro
O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Indalecio Seijo, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo na contorna do Faro de Punta Frouxeira para abordar unha serie de proxectos de interese común. En concreto, o rexidor planteoulle ao responsable da AP colaborar no proxecto de creación dunha senda peonil que parta do campo de fútbol de Meirás ata o propio faro, así como emprender traballos de reordenación do estacionamento nas súas inmediacións.
Actuacións que requiren da cooperación entre ambas institucións, xa que os terreos sitúanse baixo a competencia da Autoridade Portuaria. En todo caso, a reunión desenvolveuse nun ambiente de colaboración e sintonía e o presidente mostrou a súa predisposición a traballar xuntos nos dous proxectos de mellora na zona.
A senda peonil daría continuidade á que proxecta a Deputación e contribuiría sen dúbida a poñer en valor esta contorna única. Partiría do campo de fútbol, no que están a punto de concluír as obras de reordenación e construción do terreo de xogo de céspede artificial que executa o Concello co apoio da institución provincial, e concluiría no propio Faro. Unha infraestrutura que se ten convertido nun auténtico referente turístico para os visitantes do municipio, tanto pola singularidade da edificación polo seu privilexiado emprazamento en Punta Frouxeira.
Precisamente, a afluencia de visitantes ten creado nos últimos anos problemas de estacionamento, co que o segundo proxecto planteado polo alcalde de Valdoviño daría solución a esta situación, reordenando o espazo e habilitando un aparcadoiro disuasorio nas inmediacións.