Autoridade Portuaria e Concello dan os primeiros pasos para materializar a senda peonil entre o campo de fútbol de Meirás e o Faro

Técnicos do ente portuario e representantes da Administración local valoraron sobre o terreo as posibilidades do futuro itinerario

Técnicos da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e representantes do Concello de Valdoviño mantiveron onte pola mañá unha xuntanza de traballo no Faro de Punta Frouxeira para valorar sobre o terreo o futuro itinerario da senda peonil que uniría este punto co campo de fútbol de Meirás. Un ambicioso proxecto que daría continuidade á senda proxectada pola Deputación dende a instalación deportiva.

A reunión celebrada onte, na que participou o alcalde, Alberto González, prodúcese apenas un mes despois da visita realizada a Valdoviño polo presidente da Autoridade Portuaria, Indalecio Seijo. Na mesma, valoraba positivamente a proposta formulada polo rexidor para crear esta senda, e avanzaba a intención de traballar na mesma a curto prazo.

Nesa visita, tamén se abordaba outro proxecto de interese, como é a reordenación do estacionamento na zona. Un espazo protexido no marco do ámbito Ramsar e Rede Natura, evitando deste xeito que o aparcamento indiscriminado afecte e afee a contorna. Unha e outra intervención requiren da necesaria cooperación entre ambas institucións, xa que os terreos sitúanse baixo competencia da Autoridade Portuaria. Unha liña de colaboración iniciada e con perspectivas de consolidación que supón unha aposta clara de ambas administracións pola protección e revalorización destes espazos.

A senda peonil contribuiría sen dúbida a poñer en valor esta contorna única, e tamén melloraría a seguridade dos viandantes. Partiría do campo de fútbol, no que están a punto de concluír as obras de reordenación e construción do terreo de xogo de céspede artificial que executa o Concello co apoio da institución provincial, e concluiría no propio Faro. Unha infraestrutura que se ten convertido nun auténtico referente turístico para os visitantes do municipio, tanto pola singularidade da edificación como polo seu privilexiado emprazamento en Punta Frouxeira.