Asotrame ofrecerá en Valdoviño unha charla sobre como afrontar o diagnóstico de cancro

Aberta á veciñanza, e organizada polo Concello en colaboración coa asociación, terá lugar o martes 28 ás 19:30 h no centro sociocomunitario

Valdoviño, 21 de febreiro do 2023. O centro sociocomunitario de Valdoviño acollerá o vindeiro martes 28 de febreiro unha charla sobre como afrontar o diagnóstico de cancro. Aberta á cidadanía en xeral, e a pacientes e tamén familiares en particular, celebrarase a partir das 19:30 horas, e estará impartida por David Vivar, coordinador da Asociación Gallega de Transplantados de Médula Ósea-Asotrame. 

No coloquio, o técnico abordará o impacto emocional que o cancro produce non só nas persoas que o padecen senón tamén en todo o seu entorno; cales son as enfermidades oncohematolóxicas máis frecuentes e o traballo que desenvolve a propia asociación.

A charla nace da relación de colaboración entre Asotrame e o Concello de Valdoviño, e terá continuidade con outras iniciativas de concienciación e formación ao longo das próximas semanas.