Asotrame e o Concello de Valdoviño achegan á Senda das Ondas unha exposición sobre doazón de médula

Expacientes de cancro hematolóxico que superaron o trasplante prestan a súa imaxe ás balizas instaladas neste itinerario pola costa de Pantín

Valdoviño, 3 de marzo do 2023. Asotrame trae a súa exposición para fomentar a doazón de médula ósea á Senda das Ondas. A iniciativa, impulsada en colaboración co Concello, permitirá aos veciños e visitantes que percorren un treito desta ruta descubrir as claves para convertirse en doante e coñecer a expacientes de cancro hematolóxico que salvaron a vida grazas a este xesto altruísta.

A concelleira de Sanidade e Servizos Sociais, Ana Belén Pérez; o edil de Servizos, Benito Vega; a presidenta de Asotrame, Cristina Piñeiro, e Iria Rodríguez, unha das protagonistas do proxecto divulgativo, inauguraban esta mañá a rede de balizas informativas, que se distribúe nun tramo de 3,6 km que vai dende o lugar da Veiga (punto de partida inicial do itinerario, con vistas ao areal de Vilarrube) e a praia do Baleo.

A exposición, que consta de 8 balizas, descubre quen pode converterse en doante e os pasos a dar para formar parte do rexistro oficial. Ao que é preciso recurrir ante a falla de familiares compatibles no 70% dos casos de pacientes de leucemias, linfomas… que precisan dun trasplante para seguir vivindo.

Seis destes supervivintes, entre eles Iria, prestan a súa imaxe e a súa voz nesta mostra ao aire libre, convirténdose na mellor testemuña posible de que doar médula é doar vida. Ademais, grazas a un qr dispoñible na primeira baliza, os camiñantes poderán acceder a unha playlist con cancións que acompañaron ou acompañan aos voluntarios da asociación durante o seu proceso.