Asolas no Puntal convida a nenos e maiores a unha sesión de iniciación ao paddle surf
Aberta a inscrición na actividade, que se celebrará este sábado en Vilarrube
Valdoviño, 22 de outubro do 2025. Asolas no Puntal convida a nenos e nenas a partir de 10 anos e máis persoas adultas a desfrutar dunha xornada de iniciación ao paddle surf en Vilarrube. A iniciativa forma parte do programa de promoción do deporte en Valdoviño que impulsan as escolas de surf autorizadas para levar a cabo a súa actividade nas praias locais, e celebrarase este mesmo sábado, 25 de outubro. A participación é gratuíta, as prazas limitadas e a inscrición pode realizarse dende xa a través do correo asolasnopuntal@gmail.com. O único requisito é saber nadar.
Confirmada a praza, a zona de quedada serán as instalacións da escola no Puntal, en Vilarrube, o sábado ás 9:30 horas. A organización facilitará todo o material, co que non hai excusa para perderse a experiencia.
