As probas de carga nos piñeiros da contorna da Frouxeira non detectan problemas estruturais nos exemplares
O Concello de Valdoviño realizou esta mañá as comprobacións
Valdoviño, 3 de xullo do 2023. O alcalde, Alberto González, avanzou este mediodía o resultado das probas de carga ás que se someteron os piñeiros da contorna da Frouxeira que limitaban co exemplar que se veu abaixo o pasado sábado, e aseguraba que non se detectou ningunha anomalía nin debilidade na estrutura das árbores. Os traballos foron guiados polo enxeñeiro agrícola Esteban García Alonso, que previamente realizaba unha primeira inspección visual dos piñeiros xunto ao arquitecto municipal. Nese primeiro exame, non apreciaba danos ou enfermidade algunha no piñeiro caído, polo que todo apuntaba a un debilitamento da raíz causado polo efecto dos temporais ao longo das últimas décadas.
A partir de aí, e de acordo cos técnicos, o alcalde e o concelleiro de Servizos, Benito Vega, acordaban realizar as citadas probas de carga sobre o resto de exemplares da zona. Á vista dos resultados, os piñeiros continuarán na contorna da praia da Frouxeira.