As Pontes, Cedeira e Narón súmanse ao Centro de Transformación e Apoio ao Medio Rural A Fusquenlla do que xa participan Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño
As persoas interesadas no uso das instalacións deben realizar un curso de capacitación, e a inscrición na próxima convocatoria está xa aberta
Valdoviño, 15 de febreiro de 2024. Representantes dos gobernos locais de Cedeira, Narón e As Pontes asinaron onte á tarde en Moeche o seu compromiso de adhesión ao proxecto, xa en marcha, do Centro de Transformación e apoio ao medio rural A Fusquenlla. Ese documento irá seguido nos próximos días dos correspondentes convenios administrativos para sumarse ao sostemento das instalacións e dos servizos que se lle ofrecen ás produtoras e produtores de toda a comarca. Desta maneira serán xa 7 os municipios implicados na xestión dun espazo orientado á transformación agroalimentaria que xa espertou o interese de 120 persoas e no que xa recibiron capacitación técnica máis de medio cento de usuarias e usuarios. A Fusquenlla pretende ser o referente no norte da provincia para a elaboración de distintos tipos de envasados de froita, horta e mel, así como un polo de dinamización económico baseado na transformación de excedentes da máxima calidade, ademais de todas as garantías sanitarias e de trazabilidade alimentaria.
O compromiso asinado por Cedeira, Narón e As Pontes en presenza dos representantes dos outros catro concellos promotores -Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño- incide no interese común de “apoiar a actividade agrícola da nosa contorna e facilitar os medios que dean o pulo necesario para o seu desenvolvemento”. Un interese que reitera a filosofía coa que botou a andar A Fusquenlla aló polo 2018, primeiro como idea promovida por San Sadurniño e Moeche -á que logo se sumaron Cerdido e Valdoviño- e máis recentemente xa como centro en funcionamento, que contou cunha importante achega económica da Deputación da Coruña e dos fondos Leader xestionados polo GDR Seitura 22.
O financiamento da Fusquenlla será por partes iguais entre os 7 municipios. En 2022, con 4 consistorios implicados, a achega de cada un deles superou por pouco os 3.000 euros a pesar de que nese ano se efectuaron importante investimentos en equipamento sufragados maioritariamente pola Deputación.
“A Deputación apoiounos ao cento por cento, en todo: na construción, na cesión de equipamento e na formación. A Xunta, en menor medida, tamén na formación. Entendo que ser sete vai ser un aval moi importante para que haxa unha obriga de comprometerse con este proxecto por parte da Xunta e que a Deputación continúe”, comentaba a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy. Parte dese compromiso farase realidade en breve cun investimento de cerca de 168.000 euros en máis equipamento, grazas a unha nova achega provincial e dos fondos europeos do Leader canalizados pola AGADER a través do GDR Seitura 22.
Un centro para o apoio ao medio rural e proxecto “bandeira” do Xeoparque A Fusquenlla que forma parte da rede de espazos de traballo compartido da Deputación. Nas súas instalacións é posible elaborar zumes, conservas de horta e froita e, proximamente, tamén extraer e envasar mel, sexa para comercializar ou para autoconsumo.
As persoas que queiran utilizar as instalacións deben superar un curso de capacitación de 28 horas -o próximo arranca en marzo-, centrado tanto nas técnicas de elaboración e hixiene como no manexo do equipamento dispoñible.
Os grupos de usuarias e usuarios autoorganízanse para utilizar o centro cadrando coas épocas de cada produto, pagando individualmente os prezos estipulados na ordenanza publicada polo Concello de Moeche. Nestes momentos xa hai no mercado conservas elaboradas baixo o rexistro sanitario do espazo, aínda que coas marcas propias de cada pequeno produtor, como é o caso do zume de mazá de Bieiteiras; o “Dexchup”, as marmeladas e o tomate confeitado de Lúa de Dexo; ou a delicia de pemento de Ay! Carmen.
O centro intégrase, ademais, na estratexia do Xeoparque do Cabo Ortegal como unha das iniciativas “bandeira” en canto á promoción do desenvolvemento local que deben poñer en práctica os territorios UNESCO.