As participantes no Programa Integrado de Emprego inician un novo taller centrado na preparación da entrevista persoal

A actividade, de 15 horas de duración, desenvólvese na Casa da Cultura

As mulleres que participan en Valdoviño no  Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol co apoio de Xunta e Servizo Público de Emprego Estatal participan estes días nun obradoiro de entrevista laboral. Cunha duración de 15 horas, ten como principal obxectivo aprender a afrontar as entrevistas de traballo. Así mesmo, a metodoloxía a seguir combinará os contidos teóricos con aqueles de carácter práctico.

O Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol esténdese por espazo de 12 meses e busca achegar ferramentas ás participantes -mulleres en situación de desemprego- para que melloren a súa empregabilidade e, por tanto, inserción laboral.

Os medios que se utilizan para isto son moi diversos, e adaptados ao perfil de  cada persoa. Deste xeito, conxúganse accións individuais co persoal técnico  (orientación laboral, asesoramento, itinerarios personalizados de inserción) con  ccións formativas tanto cualificantes (atención sociosanitaria,  administración, comercio e loxística, peixaría, carnizaría…) como de tipo  transversal (preparación para as competencias clave, informática, idiomas,  habelencias sociolaborais, talleres de busca de emprego, talleres de  entrevista…).

O persoal técnico tamén aborda a prospección laboral de xeito que en todo momento mantén contactos coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado, as posibles ofertas de emprego e poñelas en contacto coas usuarias do programa.