As obras de reordenación na contorna do campo de fútbol de Meirás entran na súa recta final co aglomerado de viais

A intervención permitirá habilitar un aparcadoiro disuasorio nos terreos cedidos polos/as veciños/as da parroquia e viais municipais e mellorar a accesibilidade ás praias de Punta Frouxeira

As obras de construción do aparcadoiro disuasorio na contorna do campo de fútbol de Meirás e reordenación e mellora da accesibilidade ás praias de Punta Frouxeira entran na súa recta final cos traballos de aglomerado de viais. Traballos que se iniciaban a semana pasada e concluían esta. A intervención tamén contempla a construción dun campo de fútbol de herba artificial, tamén moi avanzado. E, en suma, investiranse preto de 317.000 euros, que cofinancian Deputación e Concello de Valdoviño.

En todo caso, a intervención permitirá pór fin ao estacionamento desordenado no lugar e recuperar un espazo natural de alto valor ecolóxico. Neste contexto, o Concello quixo agradecer a colaboración veciñal, xa que a cesión de terreos por parte de particulares, así como a implicación da Cooperativa para facilitar aparcadoiros provisionais alternativos no transcurso das obras, foi clave para levalas a cabo.