As obras de mellora da seguridade viaria da estrada Valdoviño-Cedeira, orzamentadas en 4,7 millóns, estarán rematadas a mediados do vindeiro ano

A actuación, que consiste na rectificación de curvas, habilitación de novos carrís de adiantamento e reforzo do firme nun treito de 4 quilómetros, suporá un aforro do tempo de ata un 30%

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe o investimento da Xunta de 4,7 millóns de euros nas obras de mellora da seguridade viaria da estrada Valdoviño-Cedeira, que estarán rematadas a mediados do vindeiro ano. 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade supervisou, xunto co alcalde de Valdoviño, Alberto González, e os concelleiros de Facenda e Obras de Cedeira, Manuel Martínez e Manuel Pérez Riola, respectivamente, o avance dos traballos de acondicionamento da estrada autonómica AC-566, ao longo de case 4 quilómetros, desde a saída de Valdoviño ata A Ramalleira. Unha estrada que, segundo sinalou, é moi transitada, especialmente nos meses de verán pola riqueza natural e o atractivo turístico da zona, rexistrando unha media de 5.000 vehículos ao día. 

Os traballos que se están a levar a cabo consisten na rectificación de curvas, habilitación de novos carrís de adiantamento e reforzo do firme nun treito de 4 quilómetros da estrada AC-566. Cando estean finalizados, a mediados do vindeiro ano, os usuarios da estrada non só verán reforzada a seguridade viaria senón tamén o tempo de percorrido, que se verá reducido en ata un 30%. 

As obras estanse a centrar, neste momento, no movemento de terras, que fai precisas pequenas voaduras que se prolongarán aínda un mes, polo que a conselleira aproveitou para agradecer a comprensión dos usuarios polas molestias que lles poidan ocasionar os peches puntuais ao tráfico. 

Ethel Vázquez subliñou que con esta actuación a Xunta cumpre o compromiso asumido cos municipios de Valdoviño e de Cedeira, ademais de avanzar na materialización das actuacións programadas para a mellora da rede viaria das comarcas de Ferrolterral, Eume e Ortegal, cun investimento global previsto de 60 millóns. 

MELLORA TRANSPORTE PÚBLICO

Ethel Vázquez referiuse, ademais, á mellora do transporte público que supuxo a renovación de autobús interurbano de Galicia, ampliando a súa cobertura, con novas paradas e frecuencias. 

Nesta liña avanzou un novo paso, coa extensión da tarxeta Xente Nova a todas as liñas, para que os menores de 21 anos, que xa viaxan gratis entre Ferrol e Valdoviño, poidan viaxar gratis en todos os autobuses, incluídos os que os levan a estudar á Coruña ou a Santiago. Asegurou que a partir deste venres, día 21 de maio, todas as liñas de autobús da Xunta serán gratis para os menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova.