As obras de acondicionamento de cinco camiños de Meirás e dun sexto na Carreira arrincan cun investimento de 137.000 euros
Corresponden a un segundo contrato que o Concello de Valdoviño financiará con cargo ao POS Complementario da Deputación da Coruña
Valdoviño, 09 de outubro do 2025. As obras de mellora de varios camiños en Sequeiro e en Meirás comezaban no día de onte cos traballos de limpeza de cunetas. Forman parte do segundo contrato que o Concello de Valdoviño financiará con cargo ao POS Complementario da Deputación da Coruña, contarán cun investimento conxunto de 137.233,23 euros, e serán executados por Excavaciones y Obras Melchor, empresa adxudicataria no concurso público aberto pola Administración local.
As intervencións realizaranse na Carreira, en Sequeiro, e máis nos camiños de Lavacerido, Montefaro, O Amedo, Cooperativa de Meirás e Rioboo, en Meirás. Súmanse ás obras de acondicionamento do firme iniciadas tamén esta mesma semana en viais de Lago, Valdoviño, Loira, Pantín e Vilaboa. Neste caso, con cargo a un primeiro contrato do POS Complementario.
