As mulleres participantes no Programa Integrado de Emprego inician un módulo formativo en habilidades sociolaborais
Desenvólvese durante toda a semana no Centro Sociocomunitario
As mulleres que participan en Valdoviño no Programa Integrado de Emprego que promove a Mancomunidade co apoio de Xunta e Servizo Público de Emprego Estatal iniciaron esta semana unha nova acción formativa centrada nas habelencias sociolaborais. No marco desta acción, a concelleira de Servizos Sociais, Ana Pérez, visitaba ás participantes no Centro Sociocomunitario, onde se imparte o módulo, para coñecer as súas impresións sobre o programa.
Un programa de 12 meses de duración, cuxo obxectivo principal é achegar ferramentas ás participantes -mulleres en situación de desemprego- para que melloren a súa empregabilidade e, por tanto, inserción laboral.
Os medios que se utilizan para isto son moi diversos e adaptados ao perfil de cada persoa. Deste xeito, conxúganse accións individuais co persoal técnico do programa (orientación laboral, asesoramento, itinerarios personalizados de inserción) con accións formativas tanto cualificantes (atención sociosanitaria, administración, comercio e loxística, peixaría, carnizaría…) como de tipo transversal (preparación para as competencias clave, informática, idiomas, habelencias sociolaborais, talleres de busca de emprego, talleres de entrevista…). O persoal técnico tamén abordará a prospección laboral de xeito que en todo momento manterá contactos coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado, as posibles ofertas de emprego e poñelas en contacto coas usuarias do programa.