As invitacións para os primeiros espectáculos de “Polo Camiño”, a disposición da veciñanza na Casa da Cultura

A programación inclúe esta fin de semana teatro familiar con Ghazafelhos e máis o concerto de Black

O programa “Polo Camiño”, ideado polo Concello de Valdoviño para potenciar a ruta de peregrinación a San Andrés de Teixido, bota a andar esta fin de semana cun espectáculo infantil e máis un concerto. Dende Cultura lembran que as persoas interesadas en asistir poden retirar as súas invitacións ata o venres ou esgotar prazas na Casa da Cultura.

Dentro desta aposta municipal, Teatro dos Ghazafelhos presenta este sábado, a partir das 18 horas, no campo da festa da Rocha, “Monstros no Camiño”. Neste espectáculo infantil, programado nun dos primeiros puntos polos que pasaban os romeiros no municipio, Jorge Casas, Montse Piñón e Pepablo Patinho dan vida a tres científicos aventureiros, que investigan os monstros tradicionais do Camiño de Santiago para amosar a súa falsidade ou non.

Tras o humor absurdo da compañía teatral naronesa, “Polo Camiño” apostará pola música. E así, o domingo, a partires das 19 horas, a Igrexa de Santiago, en Lago, acolle o concerto “Soul e literatura: un paseo, entre liñas, pola música negra” dos coruñeses Black. Un recital íntimo que, en formato acústico, constitúe unha viaxe polos grandes éxitos do soul.

A Concellería de Cultura sinala que os veciños e veciñas que queiran gozar destas actividades, totalmente gratuítas, poden retirar as súas invitacións ata o venres, en horario de 11 a 14 horas, na Casa da Cultura. Como vén sendo habitual, os  espectáculos terán aforo limitado e será obrigatorio o uso de máscara durante a función, así como o mantemento da distancia de seguridade.

“Polo Camiño” xorde no marco do proxecto Cultura no Camiño +, financiado por Xunta de Galicia e Gadis, para ampliar a oferta de lecer ao longo do Camiño de Santiago e das rutas complementarias de peregrinación, como é o itinerario que leva ao santuario de San Andrés de Teixido, como anticipo do Xacobeo 2021.

 

.