As familias do PAI-Aula da Natureza fórmanse en técnicas de primeiros auxilios

A doutora Ana Belén Pérez colabora co Concello de Valdoviño para levar a cabo este tipo de accións centradas na prevención

Valdoviño, 29 de maio de 2024. A doutora Ana Belén Pérez regresaba onte á tarde á Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia para guiar unha nova sesión sobre primeiros auxilios dirixida ás familias. O obxectivo, como en ocasións anteriores, era ofrecerlles nocións básicas sobre como actuar en situacións habituais de emerxencia como atragantamentos, desvanecementos ou mareos, crises epilépticas ou mesmo paradas cardiorrespiratorias. Situacións todas elas que requiren dunha rápida resposta que, en todo caso, pode ser fundamental.

Nesta liña, a facultativa combinou teoría, e sobre todo práctica, nunha iniciativa que tivo moi boa acollida por parte das nais, pais e familiares. Non é a primeira acción deste tipo que Ana Belén Pérez leva a cabo nas instalacións, xa que dende hai xa anos colabora desinteresadamente co Concello de Valdoviño para facer efectivas estas xornadas centradas na prevención.