As escolas unitarias de Valdoviño duplican a matrícula de cara ao próximo curso
En apenas 2 anos pasarán de 23 alumnos/as a 53 para o próximo curso
Valdoviño, 19 de maio de 2022. En apenas 2 anos, as escolas unitarias de Valdoviño veñen de duplicar o número de alumnos e alumnas, acadando nalgún caso o tope máximo de prazas ofertadas. Unha máis que positiva evolución na matrícula e unha tendencia que tamén comparte o CPI Atios. Detrás dela, a aposta por un modelo educativo próximo e cercano, nunha contorna natural extraordinaria, máis valorado que nunca a raíz da pandemia. Unha situación que elevaba o padrón municipal ata situalo en torno aos 7.000 veciños e veciñas.
Tres escolas integran o CRA O Esquío: Lago, Taraza (Meirás) e Vilarrube. No curso 2019-2020, 23 nenos e nenas estudaban nos tres centros e, de cara ao próximo ano, serán 53. No caso de Taraza alcanzarán os 20 alumnos e alumnas, o máximo establecido para a escola; en Lago serán 17 e 15 en Vilarrube. En todos os casos aumenta a matrícula respecto ao ano anterior, segundo consta no periodo de reserva de praza.