As Aulas de Artes Plásticas e Cerámica inauguran exposición de fin de curso na casa da cultura
O acto, aberto á veciñanza, terá lugar este venres ás 19:30 h
Valdoviño, 3 de xuño do 2026. Os alumnos e alumnas das Aulas Municipais de Artes Plásticas e de Cerámica inauguran este venres unha exposición conxunta cos traballos realizados ao longo do presente curso. O acto terá lugar na casa da cultura a partir das 19:30 horas, con entrada aberta á veciñanza. A partir de entón, a mostra permanecerá na sala de exposicións temporais do centro cultural ata o 21 de xuño, onde poderá visitarse de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas.
Como é habitual nos últimos anos, o público poderá ver unha selección das mellores obras do alumnado da Aula de Artes Plásticas que guía o pintor Manuel Carballeira no local social de Loira cada semana. E este ano, o Concello activaba en Vilaboa a Aula de Cerámica, coa artista local Martina Beceiro ao fronte, de Mai Estudio. Deste xeito, sumaranse á exposición as creacións realizadas nas clases. Nos dous casos, as actividades resultan tamén un punto de encontro interxeracional, xa que nelas participan nenas e nenos e persoas adultas, que comparten coñecemento e talento creativo.
