As asociacións de Valdoviño entregan ás familias con escasos recursos cestas de Nadal
O alcalde, Alberto González, agradeceu o xesto solidario, que realizan todos os anos, e este se concretou na entrega de alimentos
Valdoviño, 21 de decembro de 2021. Por segundo ano consecutivo, e a través dos Servizos Sociais, as asociacións do Concello de Valdoviño entregarán neste Nadal 15 cestas de alimentos para familias con escasos recursos do municipio. Un xesto solidario que realizan todos os anos por estas datas e que tanto en 2020 como en 2021 se traduciu nestes lotes de produtos alimenticios adquiridos en Valdoviño. Unha compra que as entidades decidiron realizar no comercio local e, se o pasado ano se concretaba na cooperativa de Vilaboa, nesta ocasión foi na de Lago, e o próximo será na de Meirás.
Foron a AVV Aviño, AVV Lago, AVV Meirás, AVV Pantín, AVV Sequeiro-Os Castros, AVV Vilaboa, AVV Vilarrube, Asociación de Amas de Casa, Asociación Mestura, ASCR A Frouxeira, Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra e Cáritas.
Nesta liña, o alcalde, Alberto González, agradeceu a todas as asociacións a súa colaboración e axuda, que se completará o vindeiro 5 de xaneiro coa aportación da Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra dun roscón de Reis ese mesmo día para entregar a cada unha das citadas familias.