ArtesaCía trae este venres a Valdoviño a súa montaxe “Chola, a it girl”
A función celebrarase na Casa da Cultura a partir das 20,30 horas
Valdoviño, 23 de marzo de 2022. O Concello de Valdoviño pecha este venres a programación cultural do mes de marzo coa representación da obra teatral «Chola, a it girl», da compañía ArtesaCía. A función celebrarase no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 20,30 horas, con entrada libre ata completar aforo. Chega a Valdoviño no marco da programación do Día da Muller e co apoio da Deputación provincial da Coruña, e está dirixida a un público maior de 16 anos.
Na obra, Laura Villaverde convértese en Chola, mecánica de coches, blogueira e youtuber galega. É contratada por un teatro para presentar o seu monólogo ó máis puro estilo de show escénico youtuber, e a través da presenza no escenario do seu coche Opel Calibra do 2000 transmitirá, con exemplos prácticos e didácticos, estratexias para poder descubrir quen somos, que nos gusta, que nos divirte… e sobre todo, saber recoñecer de onde vimos.
Para todo isto, axudarase de videos exclusivos, proxectados con técnica de videomapping, desafíos en vivo, consellos automobilísticos e dunha gran dose musical. Cando parece que o show envolve a escena, revélase nun descoido de Chola no medio do show un cadaleito que sae do maleteiro do coche, no que está o cadáver de Lito. A través dun diálogo Chola deixa entrever ó público outro traballo non tan glamuroso. E é a partir de aquí onde Chola revela a súa connotación de It girl con inxenio, humor e personalidade reflexando a súa realidade imperfecta, que está fóra dos canons da imaxe actual da felicidade e do que debería ter éxito virtual. Manifestando a importancia da sabedoría popular e do uso das novas tecnoloxías a través das diversas situacións nas que se pode ver unha muller adiantada respecto ao tempo e á sociedade.