Arrinca unha nova edición en Sequeiro do itinerario formativo de Agricultura Ecolóxica
Dez mulleres participantes no Programa Integrado de Emprego iniciaban esta mañá a acción no local social da parroquia
Valdoviño, 31 de agosto do 2026. O local social de Sequeiro volve acoller unha nova edición do itinerario formativo de Agricultura Ecolóxica incluído no Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade, que financian a Xunta de Galicia e o Servicio Público de Empleo Estatal. É a terceira edición da iniciativa, posible despois de que o Concello de Valdoviño completase os trámites para homologar o centro para impartir accións formativas. Desta volta, 10 mulleres iniciaban o proxecto, e esta mañá, o alcalde, Alberto González, dáballes a benvida acompañado do edil de Servizos, Benito Vega, e da técnica de Emprego da Mancomunidade, Margarida Leirachá.
Ao longo das próximas semanas, as alumnas recibirán unha formación eminentemente práctica, aproveitando a ampla zona verde exterior moi adecuada para a plantación, e buscando en todo momento mellorar as súas posibilidades de inserción laboral.
A acción formativa desenvolverase ata o 25 de setembro, con varias especialidades: agricultura ecolóxica, fertilización en agricultura ecolóxica, defensa contra pragas e enfermidades en agricultura ecolóxica, explotacións agrarias na agricultura ecolóxica e semente de pebideiros. Ademais, programaranse saídas a explotacións agrarias da contorna.
