Arrinca o programa “Medrando entre pantallas”

Inscricións abertas na próxima sesión

Valdoviño, 8 de maio do 2026. Promover un uso responsable e seguro de Internet por parte dos fillos e fillas menores é o principal obxectivo do programa “Medrando entre pantallas” que organiza o Concello de Valdoviño. Onte celebrábase o primeiro obradoiro no auditorio da casa da cultura, e a concelleira de Servizos Sociais, Tamara Sabín, agradecía moi especialmente a asistencia das máis de dez familias que tomaron parte na iniciativa. O taller estivo guiado por unha psicóloga especializada en clínica infantoxuvenil que incidiu nesta sesión en aspectos como o impacto das tecnoloxías no desenvolvemento e na saúde emocional e física; o autocontrol e responsabilidade no uso dos dispositivos dixitais ou pautas de desconexión e equilibrio emocional. Así mesmo, o Concello puxo a disposición das familias un servizo de conciliación para facilitar a asistencia.

O próxima sesión celebrarase o 21 de maio, con inscrición previa nos Servizos Sociais: presencialmente na planta baixa da casa consistorial; no teléfono 981 48 70 41 extensión 5 ou email servizos.sociais@concellodevaldovino.com