Arrinca a recuperación da antiga escola de Pantín co impulso de antigos alumnos e familias

Durante toda a mañá encargáronse de seleccionar e clasificar o material que quedou no centro tralo peche, coa intención de poñelo en valor en paralelo ao proxecto de rehabilitación do inmoble no que traballa o Concello

Valdoviño, 27 de marzo do 2025. Camiño dos 20 anos dende o seu peche, a antiga escola unitaria da Ramalleira, en Pantín, reabría as súas portas esta mañá para recibir a antigos alumnos e alumnas, pais e nais de estudantes, e veciños e veciñas da parroquia dispostos a participar moi activamente no proxecto de recuperación no que traballa o Concello de Valdoviño. Durante toda a mañá encargáronse de seleccionar e clasificar o abundante material que se atopa no edificio, paso previo e imprescindible para conservalo e poñelo en valor en paralelo á rehabilitación do inmoble. Recordos, moitos recordos, rescataron hoxe todos os que participaron, e neles sempre estivo presente un nome propio, o de Sabela Díaz, a mestra que revolucionou as clases co seu método.

Gemma Dopico era a primeira en chegar, e ao pouco facíao o seu marido, Carlos Graña. A súa filla Iria estudou no centro ata 2º de Primaria, e a familia participou durante eses anos en todo. Mesmo guiando extraescolares nas que cosían, facían mimbre, barro… Gemma lembraba hoxe como reivindicaran o ciclo medio para a escola. Unha petición que os levou á folga e mesmo lles valeu unha carta ás familias coa ameaza de retirarlles a custodia dos seus fillos e fillas se os nenos e nenas non regresaban ás aulas. Aurora Graña rememoraba a súa entrada no cole con 5 anos, aló por 1966. Anos despois, convidada pola profesora Sabela Díaz, regresaba como mestra para colaborar nas xornadas literarias da escola. Precisamente nese proxecto, Aurora estivo acompañada de Rosana García, hoxe concelleira de Cultura, Educación e Servizos Sociais en Valdoviño, presente esta mañá. E Lucía Ríos, alumna desas xornadas, coincidía tamén hoxe con elas.

A escola tamén foi punto de reencontro de Carlos Vellón e Cristina Fernández, promoción do 85, que acudían guiados polo recordo dunha etapa escolar única grazas á mestra Sabela Díaz, hoxe na boca e no corazón de todos. Tamén de Mercedes Montero, Luisa González e Elena, nais de antigos alumnos e alumnas.

Esta mañá facían piña, e volcábanse nos traballos, dando ese primeiro paso na recuperación da escola de Pantín. Un proceso que seguerá a filosofía que guiou o seu funcionamento: a participación, implicación e compromiso veciñal.