Arrancan os traballos de rexeneración das pistas da Costeira, Mourela e Broño
Fináncianse con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas de Agader
Valdoviño, 5 de xuño do 2023. O alcalde, Alberto González, informou do inicio dos labores de acondicionamento das pistas de Valdoviño e Lago incluídas no Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas, que promove Agader. A empresa adxudicataria das obras está a traballar estes días na posta a punto do camiño da Costeira. Traballos que se estenderán ao da Mourela e Broño.
En liña co establecido no plan, o proxecto que se está a executar na localidade contempla a rexeneración de pistas que se atopan deterioradas polo paso do tempo ou o uso de materiais de mala calidade, e que dan servizo a parcelas agrícolas e gandeiras con explotacións ou ben masas forestais.
O Concello está a investir preto de 60.000 euros nos traballos, que inclúen a limpeza de cunetas, rebacheo das zonas en peor estado e a dotación dunha nova capa de rodadura. En total, en cada un dos camiños repararase máis de 1 quilómetro de firme. A intervención permitirá mellorar a seguridade viaria, facilitando o tránsito tanto dos coches como as condicións de traballo dos vehículos agrarios que utilizan os camiños.
Comentarios