Arrancan en Vilarrube as rutas guiadas polo litoral de Valdoviño para coñecer os seus recursos e o oficio dos mariscadores locais
O programa que impulsa o Concello co apoio do GALP A Mariña-Ortegal inclúese no proxecto “Valdoviño Mar”
Con todas as prazas cubertas, o Concello de Valdoviño inicia este sábado en Vilarrube a primeira das rutas guiadas polo litoral do municipio coas que busca dar a coñecer os seus recursos e o oficio dos mariscadores locais. Un proxecto incluído en «Valdoviño Mar», e que conta co apoio e financiamento do GALP A Mariña-Ortegal.
Así, nesta primeira ruta veciños e visitantes poderán achegarse aos bancos marisqueiros de Vilarrube. Da man da axencia local Singular Travel, realizarán un itinerario minucioso polo areal, espazo incluído na Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Ría de Cedeira. Saíndo do aparcadoiro, a ruta percorre a praia do leste ao oeste, comezando pola marisma que forma o río Mestas na súa desembocadura. Nela poderán apreciar, aproveitando a baixamar, os diferentes tipos de cunchas das especies que se atopan na zona, e que son recollidas de xeito artesanal polas mariscadoras. Unha vez no extremo oeste da praia, o grupo avanzará pola desembocadura do río Ferrerías para observar as diferentes formas da area do fondo. Dende este punto, regresarase ao inicio apreciando a paisaxe dunar do areal.
O programa continuará o 7 de agosto coa Ruta dos Percebeiros de Meirás, e o 22 de agosto, coa Ruta na Senda das Ondas.