Arrancan as obras de mellora da accesibilidade no auditorio e renovación do escenario
A intervención, que executa a empresa local Óscar Sedes, conta cun investimento cercano aos 40.000 euros que cofinancian Concello e Xunta
Valdoviño, 18 de xullo do 2024. O alcalde, Alberto González, informaba esta mañá do inicio das obras de mellora da accesibilidade no auditorio da casa da cultura, nas que tamén se contempla a renovación do escenario. Tras o concurso aberto pola Administración local, a empresa local Óscar Sedes resultou adxudicataria da intervención, cun investimento cercano aos 40.000 euros, que cofinancian Concello e Xunta a través dunha subvención da Vicepresidencia primeira.
A actuación coincidirá nos meses de xullo e agosto, cando o departamento municipal de Cultura prioriza as intervencións culturais en escenarios alternativos ao inmoble. As últimas actividades, correspondentes ao ciclo de cine de verán, desenvolvéronse en Vilarrube e San Bartolo, e a seguinte no calendario será unha das actuacións do LagoFest, en Lago, así como o Festival de Danza Sobre Táboas, a finais de mes en Pantín.
O edificio da casa da cultura, do Premio Nacional de Arquitectura Manuel Gallego Jorreto, inaugurábase na década dos 80. O acceso ao escenario realízase a través dunhas estreitas escaleiras situadas nun lateral que impiden o seu uso por parte de persoas en cadeira de rodas ou mobilidade reducida. Ademais, o chan e paredes presentan un desgaste significativo debido ao seu uso continuo ao longo dos anos en eventos culturais e actividades comunitarias. Deste xeito, gretas, irregularidades e algunha que outra zona levantada comprometían a integridade estrutural. A actuación proposta plantea un espazo seguro e duradeiro no tempo, minimizando así os custes de mantemento e, sobre todo, garantindo a súa funcionalidade e accesibilidade a través dun elevador ata o escenario para personas con mobilidade reducida ou en cadeira de rodas. Ademais, aproveitando a intervención, tamén se arranxarán os desperfectos en zonas puntuais do falso teito de escaiola do auditorio.